A hostalaría da Costa da Morte conta con dous novos Soles Repsol

1 minutes read

Galicia conta desde este luns con seis novos restaurantes recoñecidos con soles da Guía Repsol, que, ademais, recoñeceron a Tafona da chef Lucía Freitas pola súa aposta pola sustentabilidade.

A entrega dos Soles Guía Repsol tivo lugar este luns no Auditorio e Palacio de Congresos O Batel de Cartaxena, onde se desvelou a nova relación de restaurantes con soles, distinción que en Galicia teñen xa 40 establecementos.

As novas incorporacións son Balarés de Ponteceso, Eclectic da Coruña, O’fragón de Fisterra, Javier Montero de Ribadeo, Terreo Cociña Casual da Coruña e Simpar de Santiago.

Ademais, tamén se recoñeceu a sustentabilidade do restaurante da chef Lucía Freitas A Tafona, en Santiago, que xa conta con 2 soles e que este ano recibiu o Premio Sol Sostible. O uso responsable de materias primas e a xestión enerxética eficiente son os eixos principais destes premios que, por cuarto ano consecutivo, recoñecen a sustentabilidade de catro cociñas con enfoques e en territorios moi diversos.