- Será ás 19:00 horas na Praza de María Pita
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña convocou para a tarde deste martes unha cazolada fronte ao Concello para queixarse do afogamento do sector. «Criminalízannos e castígannos sen razón» explicaban nun comunicado nas redes sociais, polo que piden a axuda de todos para «facer forza». A cazolada iniciarase en María Pita ás 19:00 horas.
«O descontrol xeneralizado durante a celebración das festas do Nadal consentido pola administración, arrástranos á ruína». Así empeza o comunicado desta convocatoria para «expresar a nosa indignación e indefensión non só polas restricións, senón por deostar a nosa imaxe e enganar ao sector con promesas que non chegan a materializarse».
Os asistentes colocaranse en fila gardando a distancia de seguridade e coa máscara posta. Golpearán as cazolas ata as 19:30 horas, momento no que se lerá un manifesto para posteriormente acender candeas ou os teléfonos móbiles e gardar «un minuto de silencio por todo o noso sector». Antes de desaloxar a praza haberá unha cazolada final.