A hostalería da Ría de Muros-Noia colgou o cartel de completo durante a Semana Santa

1 minutes read

Os establecementos hostaleiros da Ría de Muros Noia enchéronse de visitantes durante esta Semana Santa. Unha situación que motivou que fora case imposible conseguir unha mesa para xantar ou cear en localidades coma Portosín, Muros, Noia ou O Freixo, onde moitos dos locais mesmo tiveron que rexeitar máis do 50% das demandas.

Uns datos que demostran tanto a desestacionalización do destino da Ría de Muros Noia como o aumento dos meses de temporada alta. Sebastián Valverde, xerente do Xeodestino Ría de Muros Noia, explica que “en seis anos o destino da Ría Muros Noia pasou de ser o máis estacional de toda a costa española, con tan só unha temporada alta de tres semanas no mes de agosto, a ser un destino equiparable en rendementos aos distintos destinos costeiros de Galicia. Ademais, a información que nos achegan os establecementos da zona indican que o que era temporada media, que vai dende abril a xuño e os meses de setembro e outubro, tende cada vez máis a ser temporada alta”.

O Xeodestino atópase nun momento óptimo para orientar a súa estratexia futura cara a captación de novos investimentos en hostalería e servizos turísticos que lle permitan seguir medrando.