Dende esta pasada fin de semana o concello de Cee está a ver restrinxidas as súas actividades e a hostalería clausurada ao formar parte dun peche perimetral xunto aos concellos veciños de Muxía e Dumbría.
Non vive a mesma situación Corcubión, no que imperan as mesmas medidas que no groso das vilas galegas e polo tanto, os bares e a restauración permanecen abertos.
Esta situación deriva en críticas máis acentuadas se cabe que noutros casos, pois hai que lembrar que os cascos urbanos de Cee e Corcubión distan uns poucos centos de metros.
Segundo fontes da hostalería de ámbolos dous concellos consultadas por nhdiario estas medidas “carecen de sentido sabendo que en Corcubión non hai supermercados e a xente ten que desprazarse a Cee para mercar, ademáis de que Cee acolle en días laborais a persoas de toda a comarca que fan uso dos centros de ensino”. Algún hostaleiro de Corcubión tamén nos confirmou o aumento de clientes da vila veciña malia o peche.