A Concellería de Turismo, Comercio, Hostalaría e Cultura do Concello de Laxe solicitou á Sociedad Estatal Loterías y Apuestas del Estado S.A. dedicarlle un décimo da lotería á recente declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe.
Loterías y Apuestas del Estado vén de comunicar que foi reservado para tal fin o sorteo número 17/24, correspondente ao xoves día 29 de febreiro de 2024.
Esta é a primeira vez que un monumento deste Concello vai aparecer nun décimo da Lotería Nacional, o que supón unha gran promoción turística do destino de Laxe a nivel nacional, un fito moi importante na promoción turística dos recursos municipais.
“Queremos agradecer á Sociedade Estatal Loterías y Apuestas del Estado o seu interese e apoio a esta iniciativa. Queremos tamén desexarlle moita sorte a todas aquelas persoas que merquen este décimo coa imaxe dun dos valores patrimoniais do noso municipio”, afirman dende o Concello de Laxe.