- En colaboración de Ecovidrio, na Praza do Concello instaláronse tres colectores dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, presentaron este mércores a campaña #MulleresConEco, unha iniciativa conxunta que reforza as accións de visibilización da muller introducindo elementos simbólicos na paisaxe urbana. Neste caso, a Praza do Concello conta de forma provisional con tres colectores de cor morada dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.
As concelleiras de Igualdade, Maica Ures, e Planificación Urbana, Milagros Lantes, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, tamén participaron no acto. Durante toda esta semana, coincidindo cos actos conmemorativos do Día da Muller, os contedores estarán expostos neste emprazamento pero a partir da vindeira semana cada un deles instalarase na rúa que leva o nome da muller correspondente. Ademais de visibilizar ás mulleres que fixeron historia, o obxectivo desta iniciativa realizada especificamente para o concello de Carballo é fomentar a reciclaxe dos envases de vidro.
Carballo, como destacou Germán Fernández, é un concello de referencia dentro de Galicia. No ano 2019 recicláronse 22,9 quilos de vidro por habitante, convertendo a localidade carballesa no municipio galego no que máis vidro se recicla despois das sete cidades. Actualmente no concello hai instalados un total de 309 iglús, é dicir, un colector por cada 101 habitantes.