Trátase de actuar nas instalacións da rede de abastecemento en alta da marxe dereita da ría de Arousa, xestionadas desde o ano 2004 por Augas de Galicia, e que subministran auga aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga e Vilagarcía de Arousa.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución de información pública do citado anteproxecto aos efectos da declaración da actuación como de interese da Comunidade Autónoma de Galicia e da súa aprobación definitiva.
As persoas e entidades que o consideren oportuno poderán formular as súas achegas nun prazo de 30 días hábiles.
Este sistema de abastecemento constitúe unha unidade funcional de carácter supramunicipal, que xustifica que a entidade hidráulica da Xunta este a tramitar a súa declaración de interese da comunidade autónoma, ao afectar a unhas instalacións que prestan servizo a varios concellos situados en dúas provincias, de xeito que calquera modificación ou mellora que se leve a cabo redundará no funcionamento e beneficiará á totalidade do sistema.
Esta actuación é susceptible de financiamento pola Unión Europea a través de Next Generation-EU, no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España.