A información pública a urbanización da terceira fase do polígono das Gándaras, en Lugo


O proxecto de explanación, urbanización e electrificación da terceira fase do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, estará en fase de información pública ata o vindeiro 1 de xaneiro. Durante este período, as persoas e entidades interesadas poden consultar toda a documentación relativa ao proxecto a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo ante o que se presentarán tamén as posibles achegas ou alegacións.

Esta será a segunda ampliación que se acometa no polígono lucense, ocupando unha superficie de 55.768 m2 dos que 35.434 m2 estarán reservados para usos industriais e comerciais.

En total obteranse 27 novas parcelas con superficies que chegarán ata os 5.200 m2, no caso da máis grande; aínda que a meirande parte delas se moverán entre os 945 m2 e os 1.200 m2, por ser estas as máis demandadas entre as empresas interesadas en asentarse no parque empresarial das Gándaras.