O Diario Oficial de Galicia anunciou o inicio da fase de información pública do proxecto de trazado, tamén a efectos expropiatorios -porque a execución desta infraestruturas afectará a un total de 135 fincas-, que permanecerá aberto por un prazo de 30 días hábiles a contar desde este sábado, é dicir, ata o 18 de abril. As achegas recibidas serán analizadas, incorporándose aquelas que se consideren viables desde o punto de vista técnico, de cara á aprobación definitiva do proxecto. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou en rolda de prensa a actuación coincidindo con este novo avance administrativo no proxecto da Rolda Leste de Lugo, tras a aprobación provisional do trazado a finais de febreiro. Explicou que se trata de facer realidade unha infraestrutura coa que a Xunta quere seguir facendo cidade en Lugo, completando a Rolda Leste e pechando ese cinto de circunvalación previsto no PXOM de Lugo, dándolle continuidade o treito que resta desde a estrada autonómica LU-530 ata a N-VI.