A información pública o proxecto da senda peonil e ciclista da Telva, en Cambre e Culleredo


O obxectivo deste proxecto de fomento da mobilidade sostible é a execución dunha senda e de 680 metros de lonxitude na marxe desta estrada autonómica: 540 metros na AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

Esta actuación conta cun investimento estimado en preto de 320.000 euros e precisa da expropiación de 11 predios, que suporán un custo aproximado de 47.000 euros. As persoas que o desexen poderán formular observacións e achegas ao proxecto ata o vindeiro día 28 de xuño.

O deseño desta senda, que se desenvolve entre os puntos quilométricos 1,8 e 2,3, formúlase como un itinerario duns 2 metros, con carril bici naquelas zonas que dan continuidade ao itinerario ciclista.

Máis en detalle, o primeiro itinerario será peonil e correspóndese co tramo que une o núcleo do Burgo e dos Campóns, onde a estrada autonómica enlaza coa provincial DP-1702.

A outro itinerario, que parte tamén do Burgo, discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, continuando pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550. Neste tramo do Burgo á Telva, con alta afluencia de ciclistas, o proxecto prevé dotar a senda dun carril bici de solo estabilizado, dando así continuidade a ese itinerario.