A información pública o proxecto da torre polivalente do Novo CHUAC

1 minutes read

A Xunta somete a información pública o proxecto da Torre Polivalente do Novo CHUAC, que se comezará a construír o vindeiro ano cun orzamento de 35,9 M€. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co xerente da área sanitaria, Luis Verde, presentaron este novo paso para facer realidade a que será unha das primeiras obras visibles do Novo CHUAC, a Torre Polivalente, que se adiantará ao resto do edificio hospitalario. 

Esta primeira peza do Novo Hospital Público da Coruña situarase na parcela sen edificar que está situada ao carón do actual complexo hospitalario, desde o que se administrará todo o hospital e servirá de nexo entre as novas edificacións e o hospital actual, a través dunha pasarela elevada que o conectará co bloque oeste existente.  

O trámite de información pública a efectos expropiatorios da parcela de 119 m² do aparcadoiro privado existente nas inmediacións é necesaria para executar a Torre Polivalente, que albergará a administración, as áreas de xestión sanitaria, os laboratorios e o Hotel de doentes, con 14 habitacións. Os interesados teñen de prazo agora para trasladar as súas achegas e suxestións ata o vindeiro 15 de novembro. 

O proxecto de Orzamentos que a Xunta aprobará esta semana consignarán 28,5 millóns de euros nas contas da Consellería de Sanidade para o expropiacións, obras e equipamentos do Novo CHUAC, un orzamento suficiente para o avance das obras da Torre Polivalente, coa anualidade necesaria para executar o programa de traballo previsto.