O Diario Oficial de Galicia recolle este xoves a publicación do anuncio. Os interesados disporán dun prazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para trasladar as súas achegas e suxestións.
Esta actuación suporá un investimento aproximado de algo máis de 580.000 euros, dos que 23.000 se destinarán ao pagamento das expropiación das 15 fincas necesarias para executar o novo itinerario peonil na vía autonómica.
O obxectivo desta intervención é o fomento da mobilidade sostible conectando núcleos de poboación entre eles e as zonas de equipamentos e servizos. Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7,2 e 8,5.
Segundo o proxecto redactado polo departamento de infraestruturas da Xunta, o novo itinerario duns 1.320 metros adaptarase á configuración das edificacións existentes e comprende a execución dunha senda de 2 metros de ancho, nas zonas nas que xa existan sendas se repararán e uniformizarán coa nova actuación.
Ao comezo da actuación os chans son urbanos, xa que pertencen ao núcleo de Cambre, e a continuación pasan a conformar chans de núcleo rural ata alcanza a vía do ferrocarril, en ambos os casos o pavimento da senda será de formigón. Ao oeste desta vía a actuación atópase sobre chan rústico para finalmente, nas proximidades da AC-213, asentarse sobre un pequeno tramo de chan urbano polo que se optará por continuar con pavimento de formigón empregado nas zonas urbanas.
Para levar a cabo a actuación efectuarase a roza da marxe da estrada afectada e procederase ao saneo dos terreos sobre os que se situará a senda, retirando os chans brandos e a terra vexetal. Nas zonas de actuación os elementos de sinalización desmontaranse e almacenaranse para a súa posterior reposición.