A información pública o proxecto eólico Carboeiro, que afecta á Laracha, Arteixo e Culleredo

PIXABAY

  • Contempla a instalación de oito aeroxeneradores, dous deles na parroquia larachesa de Erboedo

Con motivo do plan de Greenalia de proxectar un parque eólico que afectará a territorios de A Laracha, Arteixo e Culleredo, a Xunta anunciou este venres, a través do Diario Oficial de Galicia, que se abre un prazo de 30 días para someter a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública (coa necesidade de urxente ocupación que iso implica), a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial do parque eólico Carboeiro.

Segundo sinalan desde o Concello da Laracha, contémplase a instalación de oito aeroxeneradores de 4,5 MW de potencia unitaria, dos cales dous estarían situados na zona alta da parroquia de Erboedo: un deles próximo aos núcleos de A Portela e Vilarmaior e o outro no límite co municipio de Culleredo.

Na publicación do DOG inclúese un anexo coa relación de bens e dereitos afectados. A documentación está a disposición das persoas interesadas nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña e tamén nesta ligazón.