A información pública os proxectos das sendas peonís e ciclistas na AC-552 en Coristanco


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou a zona na que se construirán dous tramos de sendas peonís e ciclistas na estrada AC-552, cuxos proxectos están, desde este martes, a información pública.

O primeiro dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 34,4, no final da senda Bértoa-Carballo e o 34,8, no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, pola marxe esquerda da estrada, recollendo tamén unha prolongación de 300 metros en dirección Carantos. O segundo dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 44,3 e o 45, entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi, pola marxe dereita da estrada.

O Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto destes novos itinerarios peonís e ciclistas do concello de Coristanco. Os interesados terán un prazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para trasladar as súas achegas e suxestións.

Esta actuación suporá un investimento aproximado de máis de 631.000 euros. O obxectivo desta intervención é o fomento da mobilidade sostible conectando núcleos de poboación entre eles e as zonas de servizo existentes na contorna, así como a mellora da seguridade viaria neste treito.

Segundo o proxecto redactado polo departamento de infraestruturas da Xunta, os novos itinerarios adaptaranse á configuración das edificacións existentes. No primeiro dos tramos, duns 800 metros de longo, no final da senda Bértoa-Carballo e no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, xa existen partes de sendas de nova execución e outras nas que que hai que renovar ou ampliar a a beirarrúa existente e eliminar obstáculos, de xeito que se acade un itinerario continuo accesible. Por outra parte, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, proxéctase unha leve modificación da curva existente ao longo dese treito.

No segundo dos tramos, duns 780 metros de largo, ao final das beirarrúas de Agualada e o punto de acceso ao cemiterio de Agrilloi, será necesaria a construción dunha pasarela ou ampliación de estruturas no seu paso polo río Calvar. Levarase a cabo unha ampliación da porte mediante un voadizo que permita a integración na plataforma do espazo necesario para a senda peonil.