Trátase da actualización do proxecto de construción da VAP da Costa Norte no seu treito San Sadurniño-Sanguiñeira, completándose, ademais, cunha conexión directa coa autovía AG-64. O orzamento estimado para levar a cabo a execución deste proxecto supera os 40 millóns de euros, e as obras disporán dun prazo de 36 meses. No proxecto que se somete a información pública adáptase o trazado á nova normativa, incluíndo o estudo de posibilidades de adiantamento, dimensionamiento de beiravías e disposición de cruces a distinto nivel.
Na actualización do proxecto destacan entre as cuestións especialmente relevantes, a ampliación da lonxitude total do trazado, ata acadar os preto de 7,5 km, de modo que o treito conectará directamente coa AG-64. Ademais, modifícase a sección tipo, de modo que se configura como a primeira vía deseñada como 2+1 en Galicia. Deste xeito, o proxecto prevé unha sección de tipo estrada multicarril 2+1, na que existe en todo momento posibilidade de adiantamento en treitos alternos en condicións de seguridade cunha barreira física de separación de sentidos de circulación. Para iso, promóvese o ensanche da plataforma da estrada, que pasa de 14 a 17,5 metros, polo que co novo proxecto a lonxitude de zonas de adiantamento acada os 6,8 km, no canto de só 2,1 no antigo.