A iniciativa Días Azuis do Comercio Galego mobilizou máis de 1,2M€ na provincia da Coruña


O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou no establecemento coruñés Pilar y Carmen na entrega simbólica dos premios correspondentes á provincia nas dúas edicións da campaña Días Azuis do Comercio Galego celebradas neste 2021, que tiveron lugar entre o 7 e o 30 de xuño e entre o 1 e o 20 de novembro, respectivamente. A iniciativa, organizada pola Federación Galega de Comercio coa colaboración da Xunta e Abanca, contou cunha alta participación, rexistrándose máis de 64.200 participacións na provincia da Coruña, o que permitiu mobilizar un volume de facturación superior aos 1,2 millóns de euros para o sector. Días Azuis do Comercio Galego, que chegou este ano á súa oitava edición, ten como obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade galego e premiar a fidelidade dos clientes. En total este ano repartíronse 26.000 euros en premios no conxunto de Galicia.