A iniciativa ‘Eu quero Razo-Baldaio’ volve reivindicar o litoral carballés como un espazo sustentable

Presentación 'Eu quero Razo-Baldaio'_Ayuntamiento de Carballo

  • Este mércores presentáronse as actividades que se realizarán no verán en colaboración cos colectivos ecoloxistas Adega, Hábitat e Senda Nova

A zona da Explanada entre Razo e Baldaio foi o punto de encontro para a presentación dunha nova edición do programa ‘Eu quero Razo-Baldaio’, que este ano reivindica o litoral carballés como un espazo para o ocio sustentable e seguro. Para continuar con este enfoque, e en colaboración coa empresa Acciona, responsable do servizo de limpeza de praias, unha figura con forma de coronavirus irá percorrendo as praias carballesas para lembrar aos usuarios que este verán é preciso respectar a distancia interpersoal de 1,5 metros e utilizar a máscara tanto nos accesos coma nos paseos.

Na presentación deste mércores participaron representantes das tres entidades ecoloxistas que, un ano máis, van ser as encargadas de guiar as actividades: Adega, Hábitat e Senda Nova. Tamén se sumou o persoal do servizo de limpeza e das empresas colaboradoras: Aspaber, Sulo, Ecovidrio e López Cao, ademais de Acciona.

«O obxectivo é tratar de coñecer máis o litoral de Razo-Baldaio, porque canto máis se coñeza máis se coidará» apuntou o concelleiro de Servizos, Luis Lamas. Por iso, entre a vintena de actividades que se levarán a cabo entre os meses de xullo e agosto abórdase o coñecemento do espazo dende diferentes perspectivas: medioambiental, etnográfico ou cultural.

O alcalde de Carballo, que pechou o acto de presentación, destacou que a continuidade do programa ‘Eu quero Razo-Baldaio’ é unha proba «de que se valora dunha maneira positiva o traballo feito e a experiencia acumulada, e hai que agradecer a dispoñibilidade das entidades para seguir divulgando os enormes valores que ten o espazo natural de Razo-Baldaio». Ferrero tamén fixo unha chamada á participación «porque é o que estimula que se sigan organizando actos».