A Laracha | A escola de Cumiáns poderá ser un centro de transformación agroalimentaria

1 minutes read

O Concello ten proxectada unha novidosa e innovadora iniciativa consistente na conversión da antiga escola unitaria de Cumiáns -actualmente funcionando como centro sociocultural- nun espazo para a transformación artesanal de produtos agroalimentarios.

A pretensión do Concello é ofrecer aos produtores agrogandeiros un obradoiro compartido de xestión colectiva que estaría completamente equipado e á súa disposición para transformar os excedentes de produtos primarios co obxectivo de abrir novas oportunidades para engadirlles valor e aproveitar ao máximo os alimentos. Con este servizo público potenciaríase o emprendemento e promoveríase a equidade, a inclusión e o desenvolvemento sostible no sector primario.

O proxecto, que tamén inclúe accións formativas, fomentaría a economía circular mediante a colaboración, as prácticas creativas, a xeración de sinerxías e a maximización da eficiencia da cadea de subministración alimentaria.

Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores acordouse a solicitude dunha subvención para o cofinanciamento desta iniciativa ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ao abeiro da convocatoria para proxectos de innovación territorial, reactivación da actividade socioeconómica  e a loita contra a despoboación. O orzamento do proxecto supera os 100.000 euros.