Este luns celebrouse na Laracha unha reunión da Comisión Informativa de Facenda para someter a ditame a proposta de aprobación dun suplemento de crédito de 128.500 euros para afrontar os gastos derivados dos plans de axudas ao sector comercial. Un asunto que será levado ao pleno deste venres.
Dese total, 67.500 euros destinaríanse ao programa municipal para o fomento do emprego mediante o impulso da actividade económica para paliar os efectos da Covid-19, convocado o ano pasado e resolto no actual, por tanto con cargo aos orzamentos de 2021. Os outros 61.000 euros imputaríanse na partida orzamentaria coa que se financiaría a adhesión do Concello ao convenio de colaboración da Xunta de Galicia para a concesión das axudas ao sector da hostalaría cuxos negocios quedaron afectados polas restricións sanitarias. O suplemento de crédito financiaríase integramente co remanente líquido de tesourería para gastos xerais.