A Laracha aborda novos protocolos de actuación ante a violencia de xénero no ensino e sanidade

Concello de A Laracha

  • Un deles é que se poidan derivar posibles vítimas desde o centro de saúde ao CIM, e viceversa

A Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero nos sectores da sanidade e o ensino celebrouse este xoves no salón de plenos do Concello da Laracha para repasar acordos tomados na sesión anterior e abordar novos mecanismos de coordinación interinstitucional no caso de detectarse situacións de risco.

A reunión estivo presidida polo alcalde, José Manuel López Varela; a edila de Igualdade, Rocío López Rey; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha; o axente de igualdade e unha das traballadoras sociais do departamento de servizos sociais. Por parte dos centros de ensino participaron os directores e directoras e orientadoras dos CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, e tamén do IES Agra de Leborís. Representando ao centro de saúde da Laracha acudiron a pediatra e a enfermeira de pediatría.

Un dos puntos máis importantes da reunión foi establecer unhas actuacións de coordinación conxuntas entre os diferentes membros da Mesa no caso de detectarse situacións de risco. Neste sentido, avanzouse na creación e posta en funcionamento dun protocolo de actuación sobre o procedemento a seguir para derivar posibles vítimas desde o centro de saúde ao CIM, e viceversa.

En relación aos centros de ensino tratouse o programa de actividades a desenvolver en torno ao 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, e recolléronse propostas sobre os principais contidos a incluír nos obradoiros de promoción da igualdade entre homes e mulleres que se levarán a cabo baixo a coordinación do CIM.

O Concello tamén comunicou que ten en proceso de redacción o novo Plan de Igualdade municipal, explicando o traballo realizado durante as últimas semanas e solicitando a implicación e cooperación no procedemento de elaboración do mesmo de todas as persoas integrantes desta Mesa.