O Concello abrirá o martes a inscrición para participar na nova edición do programa municipal Andainas de Outono, que inclúe tres rutas a realizar por espazos naturais da Laracha e outros municipios próximos. O propósito é ofrecer á cidadanía unha proposta de aproveitamento do tempo libre e, ao mesmo tempo, potenciar os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física.
A primeira cita será o domingo 26 de outubro coa ruta da parroquia de Montemaior As pegadas do Bradoso, incluída en A Laracha Activa e homologada pola Federación Galega de Montañismo. Os participantes realizarán un percorrido circular de 7 km e dificultade moderada bordeando o río. Ao longo do camiño, ademais de desfrutar do fermoso entorno fluvial, tamén descubrirán os restos de nove muíños de auga.
O día 16 de novembro os participantes desprazaranse ata territorio dos termos municipais de Coirós e Betanzos para percorrer os Sendeiros do Mandeo, con oito quilómetros de distancia e dificultade baixa.
A terceira e última andaina será Baixo as carballeiras de Zas por entornos naturais dese municipio. A distancia a cubrir a pé será de 12 km nun percorrido de dificultade baixa.
En todos os casos o autobús partirá desde a praza Les Sables d’Olonne da Laracha ás 9:30 horas, mesmo lugar ao que regresará ao remate da actividade.
As prazas son limitadas e terán prioridade na inscricións as persoas -de calquera idade- empadroadas no termo municipal da Laracha. Anotarse é de balde e pode facerse a partir do martes presencialmente na Casa da Cultura, chamando ao 981605001 ou en liña cubrindo o formulario que estará dispoñible na web e nas redes sociais municipais.