A Laracha abre a inscrición para participar nunha nova edición do programa municipal ‘Andainas de Outono’

2 minutes read

O Concello abrirá este martes (13 de outubro) a inscrición para participar nunha nova edición do programa municipal ‘Andainas de Outono’, que este ano propón tres percorridos por espazos naturais próximos ao termo municipal da Laracha que se van realizar nas vindeiras semanas.

A iniciativa ten como obxectivo promover os hábitos de vida saudables a través da actividade física ao aire libre, ao tempo que ofrece á veciñanza a oportunidade de descubrir paisaxes, espazos naturais e elementos do patrimonio cultural e etnográfico da contorna. Son rutas de dificultade baixa e dirixidas a maiores de 10 anos de idade.

A programación comezará o domingo 25 de outubro coa Senda do río Sisalde, no municipio de Arteixo, cun percorrido circular de 10 quilómetros. O itinerario discorre a carón do río e permite presenciar pequenas fervenzas, zonas de bosque, áreas de cultivo e antigos muíños de auga, algúns deles restaurados.

A segunda cita será o domingo 8 de novembro coa ruta de Traba a Laxe, un itinerario lineal de 7,7 quilómetros. O mar e a paisaxe costeira serán os protagonistas desta andaina, que permitirá percorrer diferentes espazos do litoral, con praias, camiños costeiros e a contorna da lagoa de Traba.

O programa concluirá o domingo 15 de novembro co Carreiro do Río de Baio (concello de Zas), unha ruta circular de 12 quilómetros. O percorrido discorre por sendeiros próximos a diferentes cursos fluviais e por bosques de ribeira, combinando o contacto coa natureza coa descuberta de antigos muíños e outros elementos vinculados á tradición da zona.

Nas tres xornadas o autobús sairá ás 9:30 horas da praza Les Sables d’Olonne da Laracha, punto de partida e regreso das persoas participantes.

As prazas son limitadas e a inscrición é gratuíta con preferencia para empadroados no termo municipal da Laracha. As persoas interesadas poderán anotarse a partir do martes 13 de outubro en liña na web actividades.laracha.gal, presencialmente na Casa da Cultura ou chamando ao 676963062.