A Laracha abre o prazo de inscrición para o programa de conciliación ‘Harmoniza’

PIXABAY

  • Ofrécese ao alumnado matriculado nos colexios do municipio.
  • A praza poderá solicitarse ata o 31 de agosto.

O Concello da Laracha abre este venres a inscrición para solicitar praza no servizo de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestará a través do Programa Harmoniza durante o próximo curso escolar. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.

Segundo as necesidades de conciliación de cada usuario, ofrécense dúas modalidades no servizo: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo. Os servizos básicos son os de acollida, coidado, vixilancia e realización de actividades educativas e lúdicas a cargo de profesionais especializados.

As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.

A praza poderá solicitarse ata o 31 de agosto, data a partir da que poderán seguir presentándose instancias, pero pasando automaticamente á lista de agarda no suposto de que xa estivesen adxudicadas todas as prazas dispoñibles.