A Laracha aclara que os proxectos do parque eólico Carboeiro e a súa liña non están autorizados

Montes de Erboedo.

O Concello aclara, para xeral coñecemento da cidadanía larachesa, que os proxectos do parque eólico Carboeiro e da súa liña de evacuación permanecen actualmente en fase de tramitación. Por tanto, isto implica que no momento actual non se pode coñecer se ditos proxectos serán ou non autorizados e, en caso de que finalmente se autoricen, se presentarán modificacións sobre ubicacións de infraestruturas ou afectacións de terreos.

Esta aclaración faise tras terse coñecemento de que persoas propietarias das parcelas afectadas polos proxectos iniciais -aínda sen autorizar- están a ser contactadas por persoal vinculado á empresa promotora do parque eólico Carboeiro para adquirir compromisos sobre os terreos. Ante esta circunstancia o alcalde, José Manuel López Varela, solicitou unha reunión urxente con responsables da promotora que se celebrou este xoves. Nela instoulles a paralizar os contactos cos titulares dos terreos xa que as informacións que están a trasladarlles no momento actual poderían non axustarse á realidade final é dar pé a situacións enganosas ao estar os proxectos aínda en fase de tramitación, sen autorización e expostos a posibles modificacións.

O Concello anima ás persoas propietarias de ditas parcelas a obter toda a información antes de tomar calquera decisión ao respecto, lembrando que teñen á súa disposición ao persoal técnico do departamento de Urbanismo para realizar as consultas ou aclarar as dúbidas que poidan presentarse.

Así mesmo, lémbrase que o Concello, durante o período de exposición pública, presentara alegacións para mostrar formalmente a súa oposición ao proxecto do parque eólico Carboeiro reclamando un estudo máis profundo das posibles afeccións ambientais e paisaxísticas, do impacto visual e acústico e das captacións de auga veciñais. Así mesmo, tamén se opuxera ao proxecto da liña de evacuación ao estar en contra do seu trazado.

O proxecto do parque eólico Carboeiro contempla a instalación dun total de oito aeroxeneradores de 4,5 MW de potencia unitaria, dos cales dous están previstos na larachesa parroquia de Erboedo e os seis restantes, en territorio dos municipios de Arteixo e de Culleredo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha