A Laracha acolle durante esta semana a un grupo de trece alumnos e dous profesores do departamento de español do centro francés Collège Amiral Merveilleux du Vignaux, do municipio de Les Sables d’Olonne co que está irmandada o Concello da Laracha. Participan na cuarta edición do programa de intercambio co IES Agra de Leborís, no que tamén forman parte trece estudantes laracheses e dous docentes do departamento de francés dese centro de ensino.
No mediodía deste mércores o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Ensino, Patricia Bello, recibiron á comitiva na Casa da Cultura da Laracha. Durante o acto proxectouse un vídeo de presentación do municipio para dar a coñecer aos visitantes os principais atractivos sociais, culturais e patrimoniais da Laracha. Ademais, e os representantes municipais fixeron entrega de agasallos conmemorativos tanto aos centros educativos como a todos os participantes.
López Varela puxo en valor este tipo de iniciativas que contribúen a reforzar os vínculos entre localidades irmandadas e favorecen o desenvolvemento persoal e académico da mocidade. Tamén agradeceu a implicación dos equipos docentes na organización do programa e animou ao alumnado a aproveitar ao máximo a experiencia.
Os estudantes franceses, que cursan o equivalente a 3º de ESO, permanecerán na Laracha ata o próximo domingo convivindo coas familias do alumnado participante, o que lles permite unha inmersión directa na lingua e na cultura.
Ao longo da semana estase a desenvolver un completo programa de actividades que inclúe un percorrido polo termo municipal da Laracha, visitas á Coruña, Santiago de Compostela e a diferentes puntos da Costa da Morte, ademais dun roteiro a pé pola contorna de Caión.
O alumnado do IES Agra de Leborís completará o intercambio coa viaxe a Les Sables d’Olonne prevista entre os días 3 e 10 de maio, dando continuidade a unha iniciativa que segue a consolidarse ano tras ano.