A Laracha acollerá a súa primeira velada de boxeo o sábado 28 de febreiro

O pavillón do IES Agra de Leborís será o escenario da primeira velada de boxeo que se celebrará na Laracha, unha cita deportiva inédita no municipio que terá lugar o sábado 28 de febreiro. A apertura de portas será ás 18:30 horas e os combates comezarán ás 19:00 horas.

O evento está organizado polo Fight Club Bam Bam de Santiago de Compostela e pola Escola de Loitadores SKT de Noia, e contará cun total de dez combates: nove de boxeo olímpico e un de boxeo birmano. As categorías abranguen desde mozos ata elite, todas elas de carácter amateur.

O combate estelar co que se pechará a velada enfrontará a Martín Iglesias, do Club Cachorros da Coruña, e a Serén, do Factory Coruña, na categoría elite de 57 quilos. Ademais, o programa inclúe un combate feminino entre Ana García, do Club Palenque, e Sandra Oliveira, do RHP Club.

O acceso para o público terá un custe de 12 euros a modo de donativo e destinado a sufragar os gastos derivados da organización do evento por parte dos clubs.

O presidente e adestrador do Fight Club Bam Bam, Manuel Blanco, mantivo este mércores un encontro co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Deportes, Patricia Bello, e o técnico municipal desa área, Miguel Barbeito, para ultimar os preparativos da velada e coordinar cuestións organizativas.

O rexedor municipal valorou moi positivamente a celebración deste evento xa que supón a primeira vez que o municipio acollerá unha velada de boxeo, disciplina deportiva en claro auxe que conta actualmente con arredor de 5.000 licenzas federativas en toda Galicia. López Varela tamén destacou a importancia de diversificar a oferta deportiva local e de apoiar iniciativas que contribúan a dinamizala.

Related posts

Miles de persoas evacuadas en Andalucía polo temporal

UCIN Galicia exige refuerzos inmediatos de seguridad ante el aumento de delitos en toda la comunidad

O Entroido de Malpica encherá a vila e as parroquias de festa, música e tradición durante máis de dúas semanas