Vaise celebrar baixo a denominación KDD´S Clásicos Coruña y+. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, mantiveron unha reunión cun dos responsables da entidade organizadora do evento, José Antonio Tejerina Cotelo, para ultimar os detalles do programa.
A cita chega avalada polo éxito organizativo e o interese espertado na súa primeira edición, celebrada o pasado verán, e aspira a consolidarse como un evento de referencia na Laracha para os afeccionados ao motor. Nesta ocasión, agárdase a participación de máis de 200 vehículos, entre clásicos e tamén modelos actuais especiais pouco habituais nas estradas.
A Avenida Manuel Fraga da Laracha será o punto neurálxico da concentración, onde os vehículos estarán estacionados desde as 10:00 horas. Ese será, xunto co tramo horario comprendido entre as 15:30 e as 19:00 horas pola tarde, o mellor momento para que o público poida achegarse a contemplar de preto os coches.
Durante a xornada desenvolveranse dúas rutas. A primeira, pola mañá, levará aos participantes ata a localidade de Razo, no municipio de Carballo. Xa pola tarde, a segunda ruta percorrerá o entorno da área recreativa de Gabenlle e diferentes núcleos da parroquia de Golmar, permitindo tamén achegar o evento a distintos puntos do termo municipal.
Ademais da exhibición de vehículos, o público asistente poderá desfrutar doutros servizos complementarios, como a posibilidade de adquirir o xantar na food truck e no restaurante habilitados na zona do evento.
A organización corre a cargo de KDD´S clásicos Coruña y más, contando coa cooperación do Concello da Laracha, da firma Orgasmotón e de establecementos colaboradores nunha iniciativa que combina lecer, turismo e afección polo motor nun ambiente aberto a todos os públicos.