A Laracha acollerá o 7 de outubro unha proba do Campionato Galego de Slálom

Trátase dunha competición automobilística na que os participantes demostran a súa pericia e habilidade ao volante evadindo obstáculos artificiais como conos ou portas. Ao comportar constantes cambios de dirección, nesta disciplina priman as competencias dos condutores no control do vehículo sobre a potencia, xa que a velocidade é menor que noutro tipo de probas.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, recibiron no Concello aos promotores do evento: en representación da Federación Galega de Automobilismo, o seu vicepresidente, Moisés García, e por parte dos organizadores, a Escudería Arteixo Motosport, estiveron o seu presidente, Diego Ponte, e un dos membros da xunta directiva, o larachés Daniel Remuiñán.

Os representantes municipais trasladáronlle aos promotores da iniciativa a plena disposición do Concello para colaborar e acoller un evento de carácter nacional que, considerando as datas nas que se vai celebrar, podería congregar na Laracha a uns setenta participantes.

Neste sentido, López Varela referiuse ao “retorno económico” que iso implicará para “os sectores comercial e hostaleiro”. Ademais, engadiu que o I Slálom Concello da Laracha volverá a poñer ao municipio no calendario galego do automobilismo e ofrecerá á cidadanía en xeral a oportunidade de presenciar unha proba que “é unha exhibición de destreza e non de velocidade”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha