A Laracha acollerá o programa «Avós e Avoas Educadores», en colaboración con Adro de Vilaño e a Cruz Vermella

A Asociación Cultural Adro de Vilaño e a Cruz Vermella anuncian unha nova colaboración que permitirá desenvolver por primeira vez no concello da Laracha o programa Avós e Avoas Educadores, unha iniciativa dirixida a persoas que teñen netos e netas con idades entre 0 e 18 anos. A presentación será o día 15 de xaneiro ás 19.30 horas no Centro Sociocultural de Vilaño.

Trátase dun programa aberto a toda a cidadanía, polo que non é necesario vivir en Vilaño, nin na Laracha, para poder formar parte: calquera avoa ou avó que desempeñe un papel activo na crianza pode participar.

Esta acción encaixa coa misión de Adro de Vilaño, centrada en construír unha comunidade unida e activa, e co seu compromiso de favorecer espazos de aprendizaxe interxeracional que enriquezan a vida das persoas no entorno rural. Os valores da asociación, baseados na inclusión, na convivencia e no apoio mutuo, converten esta colaboración nun paso natural para reforzar a rede comunitaria local.

Escola de Avós e Avoas Educadores abordará temas como a educación na infancia, os hábitos saudables, a resolución de conflitos, os cambios sociais das últimas décadas e o uso responsable das novas tecnoloxías. O obxectivo é ofrecer ferramentas e coñecemento ás avoas e aos avós para acompañar mellor aos seus netos e netas.

Co obxectivo de achegar o programa a todas as persoas interesadas a presentación aberta estará liderada por Gema Moreira, responsable do proxecto na Cruz Vermella. A Asociación Cultural Adro de Vilaño invita a acudir sen ningún tipo de compromiso, simplemente para coñecer o programa e aclarar dúbidas.

Diego Rama, de Adro de Vilaño, sinala a importancia persoal desta iniciativa: “apoiar ás familiar é una necesidade fundamental, e en moitos casos os avós e avoas cumpren un papel esencial na crianza”. Rama subliña que para el é “unha prioridade que Adro de Vilaño contribúa a ofrecer recursos reais ás persoas que sosteñen a nosa Comunidade”.

Pola súa banda, Gema Moreira, representante da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella, destaca a traxectoria positiva deste programa noutros lugares: “O programa de Avós e Avoas Educadoras leva funcionando moi ben desde 2009 noutros concellos de Bergantiños, e estamos moi contentos de poder desenvolvelo por primeira vez na Laracha. Facelo da man de Adro de Vilaño permítenos chegar máis e mellor á comunidade.”

O proxecto está financiado por fondos do IRPF da Xunta de Galicia, o que permite impulsar iniciativas que fortalecen o benestar das familias e das comunidades no territorio.

Esta colaboración supón un novo impulso ao traballo en rede entre entidades sociais da comarca, cunha visión compartida: poñer ás persoas no centro e fortalecer os lazos que sosteñen a vida comunitaria.

Related posts

O Concello de Zas solicita unha reunión urxente con Educación sobre o CEIP de Baio, A Consellería respondeu

O BNG demanda melloras nas instalacións do porto de Muxía e no alumeado público

O Concello de Malpica remata a reforma realizada nas Escolas Vellas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, en Buño