A Laracha acollerá un obradoiro de apoio a coidadoras de persoas dependentes no medio rural


O Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados no último ano tanto de xeito presencial como en liña. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

A formación impartirase na planta baixa da biblioteca municipal da Laracha os catro mércores de novembro (días 4, 11, 18 e 25) en horario de 10:30 a 12:30 horas. Cumpriranse estritamente as medidas de prevención ante a Covid-19.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981612811 ou acudindo con cita previa ao edificio administrativo da Laracha.