A Laracha acolleu a reunión anual da multinacional Celsa Group


A Casa da Cultura da Laracha acolleu a reunión anual 2019 de CELSA Group, a multinacional que conforma o primeiro grupo privado siderúrxico español e que é propietaria da planta situada no parque empresarial larachés, sendo a sociedade máis importante do municipio en canto á creación de emprego tanto directo como indirecto.

O acto foi presidido por Francesc Rubiralta, presidente de CELSA Group, contándose tamén coa presenza da súa nai e esposa do fundador da sociedade, Isabel Rubió, e de Carola Rubiralta.

Na reunión, á que asistiron máis de cen empregados de CELSA Group, tratáronse os temas clave do Grupo, fíxose un repaso ao acontecido en 2018 e púxose a mirada no futuro expoñendo os obxectivos e o plan de negocio para os próximos anos.

O alcalde, José Manuel López Varela, fixo unha intervención para agradecer a CELSA Group que escollese A Laracha para desenvolver este evento, valorar a presenza da familia Rubiralta Rubió no municipio e ter un “emocionado recordo” para o fundador, Francisco Rubiralta. Tamén se referiu á “aposta firme e decidida” da siderurxia larachesa pola “creación de emprego de calidade”, o que considera “esencial para o desenvolvemento industrial e social do municipio”.

O acto pechouse coa entrega dos premios Child Safety Awards, Values Awards e Francisco Rubiralta Awards convocados pola multinacional española co propósito de recoñecer as achegas do seu equipo humano, considerado por CELSA Group como o activo máis valioso e prezado da organización.