- Organizada pola Xunta de Galicia, a charla foi impartida pola axente ambiental da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), Yolanda Camba
Yolanda Camba, axente ambiental da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), impartiu este venres na Laracha -nas instalacións do centro municipal de emerxencias situado no parque empresarial- unha sesión formativa sobre os incendios forestais en zonas de interfaz.
A iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia, estivo dirixida a profesionais dos diferentes sectores implicados nesta materia e por parte do Concello contou coa asistencia do alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito, Jesús Souto e Pablo Cambón. Tamén acudiron o xefe da Policía Local, o comandante do posto da Garda Civil da Laracha, voluntarios da Agrupación de Protección Civil e o xefe do Distrito Forestal 2.
Entre outras cuestións de interese, na xornada abordouse a lexislación vixente en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, incidindo especialmente nos plans de actuación municipais, redes de defensa, faixas de xestión da biomasa e autorizacións de queima así como as diferentes distancias establecidas na Lei de Montes. Tamén se expuxeron os plans de Protección Civil ante este tipo de emerxencias.