Estivo centrada na transformación de piñeirais afectados polas enfermidades das bandas en masas mixtas con frondosas autóctonas.
A actividade reuniu no municipio a profesionais vinculados á xestión forestal procedentes de diferentes puntos de Galicia. A parte práctica desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura, onde se abordaron cuestións relacionadas coa lectura das masas forestais, a súa transformación, a sinalamento dos pés, as ferramentas para a toma de datos, a calidade en pé e a avaliación dos tratamentos. Contou coas intervencións de Isaac Fernández, técnico en Silvicultura de CESEFOR, e Marcos Estévez, enxeñeiro forestal de Amonte Bioeconomía, coa colaboración na sesión práctica de Iñaki Bergaretxe e Mónica Ramos, do Distrito Forestal II.
Posteriormente, a xornada trasladouse ao Monte Carboeiro, na parroquia de Erboedo, para realizar a parte práctica. Nesta sesión analizouse a aplicación dos contidos traballados durante a mañá nunha masa con piñeiro radiata e presenza de carballo, castiñeiro e outras frondosas, permitindo aos participantes realizar unha análise e discusión técnica directamente sobre o terreo. Esta fase práctica foi dirixida por Iñaki Bergaretxe e Mónica Ramos, do Distrito Forestal II.
O Concello da Laracha valora moi positivamente a celebración desta xornada no municipio, tanto pola oportunidade de acoller profesionais e persoal técnico procedente de diferentes puntos de Galicia como por contribuír a situar o territorio larachés como un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias relacionadas coa xestión forestal.
