A Laracha acorda presentar no Inega un proxecto de autoconsumo eléctrico por placas solares

1 minutes read

Na última Xunta de Goberno Local celebrada no Concello da Laracha acordouse presentar ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para o seu cofinanciamento un novo proxecto dirixido a incrementar a capacidade de autoconsumo eléctrico nas instalacións de titularidade municipal. O Concello pretende dotar ao complexo deportivo da piscina da Laracha -aproveitando as obras de mellora da edificación que están actualmente en fase de execución- cun sistema de produción de enerxía fotovoltaica dunha potencia total de 79 Kw.

O investimento previsto superaría os 100.000 euros, cos que se alcanzaría un autoconsumo do 30 % do gasto enerxético actual nesa infraestrutura e evitaríase a emisión de 31 toneladas de CO2 cada ano.

Este proxecto presenta unhas características moi similares a outro promovido polo Concello e aprobado recentemente polo Inega que consiste na instalación de paneis solares na cuberta do pavillón Municipal da Laracha que abastecerán á Casa do Concello, edificio de Servizos Múltiples, Edificio Administrativo, biblioteca da Laracha, escola infantil ‘A Galiña Azul’ e Casa da Cultura.