A Laracha adxudica a execución do proxecto que converterá servizos múltiples no edificio interxeracional

C.L.

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este mércores acordouse adxudicar a Ogmios Proyecto S.L. o contrato de execución do proxecto que converterá o edificio de Servizos Múltiples no Edificio Interxeracional mediante a transformación integral deste inmoble, de titularidade municipal, situado na céntrica Avenida Doutor López Astray.

A oferta presentada pola citada empresa foi a máis beneficiosa para o Concello entre as catro licitadoras, destacando na valoración a descrición técnica dos traballos a realizar, o plan de control de calidade, as medidas de control ambiental durante as obras, a redución do prazo de execución en 50 días e a proposta económica de 810.800 euros, o que supón un 10 % menos que o prezo máximo de licitación.

A través deste proxecto o edificio de Servizos Múltiples será transformado nunha instalación moderna, multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades, xa que será obxecto dunha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.

O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas. Prevese unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas.

As principais novidades serán a creación de aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.

Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O Edificio Interxeracional tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.

A execución do proxecto será financiada polo Instituto para la Transición Justa ao abeiro da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.

O Concello valora a futura creación do Edificio Interxeracional como unha iniciativa de alto valor e relevancia desde os puntos de vista social e urbanístico, xa que polo seu emprazamento céntrico e características, o novo equipamento público será un punto de referencia para a cidadanía e beneficiará ao conxunto da poboación larachesa ao xerar un impacto positivo no benestar e no desenvolvemento de persoas de todas as idades.

Licencias urbanísticas

Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou conceder tres licencias urbanísticas para a construción de vivendas unifamiliares, dúas delas na parroquia de Montemaior e a outra, na de Lestón.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño