A actuación conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros que serán financiados integramente con fondos municipais.
Contémplase a renovación da fachada exterior e da cuberta do edificio. O propósito é conservar o inmoble, mellorar o seu aspecto exterior e favorecer a súa integración na contorna rural na que se atopa.
Os traballos incluirán a renovación da pintura exterior, mantendo a cor branca predominante na fachada. Tamén está prevista a renovación das tellas de toda a cuberta, incluíndo a instalación de canles e baixantes na parte principal do edificio para facilitar a evacuación da auga da chuvia e contribuír á conservación do inmoble.
O Centro Sociocultural do Rapadoiro é o local de referencia da parroquia de Coiro para o desenvolvemento das actividades sociais, culturais e deportivas organizadas polo Concello e polo tecido asociativo, ademais de funcionar como colexio electoral.
Con esta intervención, o Concello continúa investindo fondos propios na mellora e conservación dos equipamentos municipais co obxectivo de manter espazos axeitados e en bo estado para a realización de actividades e para o encontro e a participación da veciñanza das parroquias.
