A Laracha adxudica cinco proxectos por 640.000 euros, entre eles o Skatepark

2 minutes read
  • Os outros catro céntranse na mellora da rede viaria municipal, alcanzando un investimento conxunto de 483.000 euros

Na última sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local de A Laracha foron adxudicados cinco proxectos de investimento en infraestruturas municipais valorados nun total de 640.000 euros. Desde o Concello sinalan que o máis novidoso é o de creación do parque de patinaxe Skatepark na capital municipal, pola parte posterior do IES Agra de Leborís. O proxecto, que ten un orzamento de 155.000 euros, será executado por Zona de Obras O Rosal S.L.

A actuación ten por finalidade ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva, especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil. Disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. Ademais, estará equipada cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que será preciso realizar as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais.

Os outros catro proxectos céntranse na mellora da rede viaria municipal e alcanzan un investimento conxunto de 483.000 euros.

Dous deles foron adxudicados a Construcciones J. Mauri e Hijos S.L., incluíndo actuacións nas parroquias de Golmar (núcleos de A Calvela e Requesende), Erboedo (núcleos de Cendón e Vilarmaior e accesos a O Vilar), Coiro (accesos a Longra e O Toural), Montemaior (núcleos de Cumiáns e A Fieira) e Lestón (núcleo de A Porta Santa).

A empresa Oviga resultou adxudicataria do proxecto de renovación do pavimento da estrada entre O Chamusco e Arén (parroquia de Cabovilaño) e do núcleo de Bocixa (Soandres). Por último, Canarga Construcciones executará o proxecto de mellora da estrada da parroquia de Vilaño que presenta unha lonxitude de 2,7 quilómetros e comunica os lugares de A Ribela, Marfulo e A Piña.

Nos próximos días serán formalizados os contratos como último trámite administrativo previo ao inicio das obras.