A Laracha adxudica dous proxectos de mellora da rede viaria municipal

Lugar de A Pedreira_Caión.

O Concello vén de adxudicar dous novos proxectos de mellora da rede viaria municipal, afectando un deles a rúas do núcleo urbano da Laracha e, o outro, a estradas rurais de tres parroquias diferentes. En ambos casos, nos próximos días procederase á formalización dos contratos como tramite administrativo previo ao inicio das obras.
O proxecto na capital municipal está valorado en 95.000 euros e ten por obxectivo mellorar o pavimento das rúas Arxentina, Buenos Aires e Santiago, situadas todas elas nunha das zonas residenciais con maior poboación do termo municipal. Ademais de renovarse a superficie de rodadura dos vehículos, realizarase a sinalización horizontal co marcado dos símbolos viarios e das zonas de estacionamento.
En canto ao proxecto na zona rural, o investimento alcanzará os 88.000 euros, con tres actuacións diferenciadas. No núcleo de A Pedreira (parroquia de Caión) e de A Gándara (Torás) renovarase o pavimento e a sinalización horizontal. En Santa Baia (Soandres) dotarase á estrada cunha nova capa de aglomerado asfáltico e canalizarase a rede de recollida de augas pluviais.
En total destinaranse 183.000 euros á mellora destas infraestruturas viarias de titularidade municipal, facilitando as comunicacións nos puntos afectados e aumentando a seguridade dos vehículos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha