A Laracha adxudica dous proxectos de mellora de infraestruturas viarias

2 minutes read

Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores foron adxudicadas as execucións de dous proxectos de mellora das infraestruturas viarias municipais que suman un investimento total de preto de 200.000 euros.

Unha das intervencións afecta á rúa José Manuel Ferreira Penedo do núcleo urbano da Laracha, que será obxecto dunha humanización para dar continuidade a outros proxectos de similares características realizados nos últimos anos en varias vías próximas como Epifanio Campo, Silverio Moreda, David Mallo, Coruña, Lugo, Pontevedra e Suíza.

A actuación consiste na renovación do pavimento da calzada, no incremento da seguridade viaria co marcado de novos pasos para peóns e no establecemento do sentido único de circulación, o que permitirá gañar espazo para ampliar a beirarrúa, habilitar máis aparcamentos -contemplándose a reserva de prazas para vehículos de persoas con mobilidade reducida- e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.

Para beneficio xeral tanto da cidadanía como dos locais comerciais situados na zona, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado nesta rúa eminentemente residencial e emprazada nun dos ámbitos con maior densidade de poboación do termo municipal da Laracha.

As obras, que executará Construcciones Mantido S.L, serán cofinanciadas entre o Concello e a Deputación da Coruña.

O outro proxecto foi adxudicado a Construcciones Ponciano Nieto S.L. e consiste na mellora da estrada que comunica San Pantaión (parroquia de Golmar) con A Xesta (Soutullo). Ao estar incluído no Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023-2024, vai ser cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

A intervención proxectada afecta a unha lonxitude lineal de 1,2 quilómetros da vía, que presenta unha anchura de 6,8 metros e tamén dá acceso a outros núcleos de poboación como A Rocha, O Vilar e O Seixoso. As obras previstas consisten na renovación da superficie de rodadura, a mellora da drenaxe e o reforzamento da seguridade viaria a través da sinalización horizontal e vertical.

Unha vez adxudicados os proxectos pola Xunta de Goberno Local, nos próximos días formalizaranse os contratos como paso previo ao inicio dos traballos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?