A Laracha adxudica o novo contrato de mantemento das zonas verdes públicas

1 minutes read

Na última sesión da Xunta de Goberno Local acordouse adxudicar o novo contrato para a prestación do servizo de mantemento das zonas verdes públicas e xardineiras de titularidade municipal á empresa larachesa Manuel Amado Souto, que presentou a oferta máis favorable para o Concello entre os cinco licitadores segundo os criterios valorados pola Mesa de Contratación relacionados co aumento de persoal durante a época estival e a proposta económica.

A finalidade deste contrato é a conservación da vexetación das principais áreas recreativas e de descanso das parroquias, así como das prazas, xardíns e parques públicos, paseos fluviais e marítimo e entornos de edificios, instalacións e equipamentos de titularidade municipal. Os servizos que comprende o contrato son a continua conservación en bo estado, o coidado das especies vexetais, a poda das árbores na época máis conveniente e o mantemento dos sistemas de rego automático.

Tamén se inclúe por primeira vez a conservación das corenta e sete xardineiras que están colocadas nos núcleos urbanos, contemplándose a posibilidade de incrementar esa cifra.

Este contrato ten unha duración de dous anos prorrogables por outros dous máis. O seu valor estimado supera os 440.000 euros polas catro anualidades. O servizo será financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.