A Laracha adxudica proxectos de humanización e vías por 302 mil euros

Concello da Laracha

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves foron adxudicados dous proxectos, un referido á mellora da rede viaria en estradas rurais de titularidade municipal e outro que suporá a humanización de rúas no núcleo urbano da Laracha.

O proxecto de mellora de estradas rurais inclúe un total de nove actuacións localizadas en catro parroquias diferentes. Mellorarase o pavimento e, por tanto, a seguridade viaria nunha distancia lineal duns catro quilómetros. As obras realizarase en Cabovilaño (núcleos de Arén e Xeriz e estrada A Fraga-A Barreira), Lemaio (núcleo de O Igrexario e estradas A Fraga-Tuixe e A Xesteira-O Ramo), Coiro (estradas O Coto-O Rapadoiro e Novás-Gudís) e Vilaño (núcleo de Marfulo).

O outro proxecto consiste na humanización das rúas David Mallo Gómez, Enrique Muiño, Uruguai e un tramo da Avenida Fisterra, todas elas situadas no núcleo urbano da Laracha. Con esta actuación o Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados noutras céntricas rúas da vila coa finalidade de  renovar as beirarrúas e mellorar a seguridade e a accesibilidade.

Ambos proxectos están valorados conxuntamente en máis de 302.000 euros.