A Laracha adxudica proxectos de mellora viaria por máis de 200.000 euros

Concello da Laracha

O Concello da Laracha vén de adxudicar unha serie de proxectos dirixidos a mellorar a rede viaria en diferentes localizacións do termo municipal. As obras afectarán a quince núcleos de poboación de nove parroquias.

Todas as intervencións proxectadas contemplan a renovación da superficie de rodadura e a correspondente sinalización horizontal e vertical en estradas situadas en núcleos de poboación rural ou ben nos seus accesos.

Na parroquia de Lestón será mellorada a vía que dirixe á igrexa parroquial de San Martiño desde A Rabadeira.

En Cabovilaño no lugar de A Braña será ampliada a plataforma da calzada e canalizada a rede de recollida de pluviais. Ademais, actuarase para mellorar a estrada de O Cancelo.

En Soutullo intervirase en O Vilar, Os Bidueiros e A Abeleira, contemplando esta última obra melloras na rede de pluviais.

En Soandres hai proxectadas dúas intervencións nos núcleos de Borreiros e Curros.

Do mesmo xeito en Coiro están previstas dúas obras en O Coto (inclúe ampliación da rede de pluviais) e As Meneiroas.

Tamén se realizarán actuacións nas parroquias de Torás (A Barreira) Golmar (O Igrexario), Vilaño (Os Meáns) e Erboedo (Paredes).

O investimento total superará os 200.000 euros, que serán cofinaciados pola Deputación da Coruña ao estar incluídos no POS+ 2022.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha