Na Xunta de Goberno Local celebrada este venres acordouse adxudicar unha serie de proxectos de mellora da rede viaria que suman un importe total de 300.000 euros. Ademais, preséntase á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha proposta para incorporar novos equipamentos informáticos e audiovisuais no edificio da biblioteca municipal da Laracha ao abeiro do programa de subvencións para a mellora das instalacións que albergan actividades culturais. Por outra banda, acordouse concorrer á convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para a cooperación económica no mantemento durante outros doce meses do servizo municipal de orientación laboral. Salientar tamén a concesión da licencia urbanística para a construción dunha vivenda unifamiliar na parroquia de Caión.
Obras viarias
Na parroquia de Erboedo realizaranse dúas intervencións diferenciadas para renovar o pavimento e mellorar a sinalización nos núcleos de San Paio e O Igrexario.
En Coiro están proxectadas dúas actuacións en Novás, onde tamén se contempla a mellora da rede de pluviais e o acondicionamento dos sobreanchos, e na Ferrulleira.
En Lemaio as obras de mellora do pavimento e da sinalización afectarán aos lugares de A Fontaíña e Proame.
En Golmar intervirase en As Talladas, onde será preciso instalar unha bionda de seguridade e mellorar a rede de pluviais, e tamén na estrada que comunica Groba con Vilar do Boi, xa pertencente á parroquia de Soutullo.
E en Montemaior renovarase o pavimento nas estradas de O Penedo, A Carballa Redonda e Adrán.
En Torás os traballos localizaranse nos núcleos de A Portela e A Barreira, e tamén na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo.
En Vilaño as obras previstas afectarán aos núcleo de O Formigueiro e á estrada que vai desde A Botica ata O Pino.