A Laracha | Adxudicados os dous proxectos do Plan Especial do IES Agra de Leborís

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local da Laracha acordou adxudicar dous proxectos contemplados no Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís que están valorados nun total de  343.000 euros.

Por unha parte está a urbanización da prolongación da Avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, vía de recente apertura coa que o Concello crea unha circunvalación que conecta directamente a estrada A Laracha-A Silva coa estrada A Laracha-Soandres pola Avenida Doutor López Astray, adxudicado a Construcciones Ponciano Nieto S.L.

O outro proxecto adxudicado a empresa SYR-AMG, localízase na mesma zona e consiste na creación, xunto ao IES Agra de Leborís, dunha nova pista polideportiva descuberta que terá unhas dimensións de 42×25 metros máis dous metros de seguridade e nas que se marcará lonxitudinalmente unha pista de fútbol sala de medidas regulamentarias e, transversalmente, dúas pistas de baloncesto. Contará con iluminación con báculos e un valado perimetral de malla.

Nos próximos días o Concello procederá a formalizar ambos contratos coas empresas adxudicatarias como trámite administrativo previo ao inicio das obras.