- As intervencións tamén contemplan traballos de sinalización e recollida de pluviais en 19 núcleos de poboación
A Xunta de Goberno Local da Laracha adxudicou este luns tres proxectos de mellora de rede viaria que suman un investimento de máis de 366.000 euros. Estas intervencións inclúen renovacións da capa de rodadura dos vehículos, sinalización e recollida de pluviais en estradas localizadas en 19 núcleos de poboación de oito parroquias.
O de maior orzamento, 170.000 euros, afecta nove quilómetros de rede viaria da parroquia de Soandres. Contempla a mellora do pavimento nos accesos e nos lugares de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga.
Outro dos proxectos localízase nas parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Lendo e Vilaño e alcanza un presuposto de 72.000 euros; e o último, valorado en 124.000 euros, afecta ás parroquias de Lemaio e Torás. Acometeranse traballos de mellora da capa de rodadura e ampliación da rede de abastecemento de auga.
Persoal para a limpeza da praia de Caión
A Xunta de Goberno Local tamén acordou concorrer á convocatoria de axudas da Deputación da Coruña dirixidas á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas.