A Laracha adxudicará nos próximos días catro proxectos de mellora da súa rede viaria

2 minutes read

A Mesa de Contratación reuniuse para completar o proceso de valoración e clasificación das ofertas presentadas polas empresas que concorreron ás licitacións de catro proxectos de mellora da rede viaria municipal. Unha vez completada esta fase, a adxudicación da execución dos traballos farase en próximas datas pola Xunta de Goberno Local.

A actuación de maior entidade localízase na parroquia de Golmar, na estrada que comunica O Igrexario con San Pantaión. O tramo obxecto desta intervención presenta unha lonxitude de 1.225 metros, nos que vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente, acondicionados os sobreanchos a ambas marxes da calzada e perfiladas as cunetas para favorecer a drenaxe do terreo. Os traballos completaranse coa sinalización vertical e horizontal, contemplando o pintado das liñas dos bordes e do eixo da plataforma, así como dos símbolos necesarios segundo o código de circulación.

En Erboedo o proxecto afecta unha lonxitude aproximada dun quilómetro da estrada que comunica A Fontenla co límite con municipio veciño de Arteixo á altura do Loureiro. A actuación inclúe o acondicionamento do sobreancho no tramo máis estreito para ampliar a calzada. Ademais da pavimentación, acometerase a limpeza e perfilado das cunetas para facilitar a drenaxe e a sinalización horizontal e vertical.

En Lemaio mellorarase a vía entre A Fraga e O Pereiro dotándoa cun novo pavimento e incluíndo, tamén, a limpeza das cunetas e a sinalización.

E a actuación en Caión localízase no núcleo do Outeiro, onde vai ser mellorada a calzada ata o entronque coa estrada que dirixe a Baldaio (DP-1909), favorecendo tamén as comunicacións coa zona do santuario dos Milagres.

Estes catro proxectos están valorados en total en preto de 300.000 euros.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?