A Laracha adxudicou as axudas municipais á escolarización

1 minutes read

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves acordouse adxudicar as axudas municipais á escolarización a proposta da Comisión de Valoración, que durante as últimas semanas avaliou e cualificou a totalidade das solicitudes presentadas.

A lista de bolseiros está dispoñible para a súa consulta na web municipal www.alaracha.gal, onde tamén pode descargarse o documento para xustificar a axuda. O prazo para facelo remata o 30 de novembro.

A convocatoria deste ano está dotada con 75.000 euros, cun incremento de 20.000 euros con respecto ao exercicio anterior. Esta medida foi acordada polo Concello ante a situación económica actual e as dificultades que supón para moitas familias o inicio do curso escolar.

Por tanto, a contía das axudas pasa a ser de 165 euros para os beneficiarios das bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 150 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria e programas de garantía social, 225 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior, 350 euros para aqueles alumnos que presenten necesidades educativas especiais e 400 euros para os que cursen estudos universitarios (grao medio, superior e máster). Cabe lembrar que estas axudas municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.