O Concello vén de adxudicar a execución das obras contempladas no proxecto de mellora das infraestruturas e servizos na Botica (parroquia de Vilaño), un núcleo próximo ao casco urbano da Laracha que está a rexistrar un importante incremento poboacional.
A finalidade da actuación é ampliar as redes de saneamento de residuais e de abastecemento de auga para aumentar a cobertura nese lugar e dar servizo tanto a vivendas xa existentes como ás que están proxectadas e que contan coa preceptiva licenza de obra municipal. Os traballos culminaranse coa nova pavimentación dunha vía secundaria que enlaza coa estrada que comunica A Botica con O Pino, incluíndo a sinalización horizontal e vertical.
O investimento alcanzará os 36.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.