A Laracha afirma que o IDAE lle mantén unha débeda de máis de 900.000 euros


O Concello da Laracha emitiu un comunicado no que afirma que o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, aínda non liberou ningún pagamento das axudas concedidas no ano 2017 para a execución dos proxectos de mellora de eficiencia enerxética. As actuacións, consistentes no cambio de luminarias por outras con tecnoloxía LED nos núcleos urbanos, núcleos rurais, parque empresarial, instalacións e edificios municipais, concluíronse hai agora ano e medio.

O orzamento total dos cinco proxectos superou os 1,2 millóns de euros, dos cales o IDAE financiaría o 80 % (905.784,06 euros) e, con fondos municipais, o 20 % restante (226.000 euros). O acordo establecía que o Concello debía facer fronte a todos os pagos, como así fixo, e que posteriormente o IDAE liberaría as axudas, cousa que non se produciu ata o momento.

Segundo o Concello, esta circunstancia implicou consecuencias relevantes no resultado orzamentario municipal do exercicio pasado, xa que o peche das contas arroxou un menor remanente de tesourería e o Concello non pode dispoñer agora deses fondos para acometer obras e prestar novos servizos de interese xeral para a cidadanía. Cabe sinalar que a cantidade que o IDAE debe ao Concello supón o 10,5 % do total do orzamento municipal de 2022.

O Concello fai esta puntualización ante as declaracións da subdelegada do Goberno na Coruña trala Xunta Local de Seguridade celebrada este luns, nas que manifestou que o IDAE xa achegou a súa parte do financiamento de ditos proxectos. Os membros do goberno local que acompañaron á subdelegada do Goberno durante a mañá deste luns na Laracha -o alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito- non aclararon esta cuestión directamente con María Rivas porque non se abordou este tema en ningún momento, nin durante a propia Xunta Local de Seguridade nin na visita ao posto da Garda Civil. Si se fixera en decembro de 2021, na anterior visita da subdelegada do Goberno á Laracha, na que se lle expuxera o problema e se lle solicitara a súa mediación para resolvelo, sen haber novidades ao respecto a día de hoxe.
Ademais, o goberno municipal non ten coñecemento dos trece proxectos na Laracha enmarcados no Programa Único-Banda Ancha que tamén foron anunciados desde a Subdelegación de Goberno. Sen embargo, no Concello estanse a recibir a diario consultas e queixas da cidadanía relativas á cobertura da banda larga de internet tanto en núcleos urbanos como rurais, cuestión de interese xeral que non é de competencia municipal e que tampouco se tratou na reunión deste luns.