A Laracha aínda dispón de prazas nas actividades de verán

2 minutes read

Ata finais do mes de agosto desenvolveranse as cinco actividades culturais e deportivas do programa de verán que restan por levarse a cabo. En todas elas aínda quedan prazas dispoñibles, que serán outorgadas por orde de inscrición, polo que se recomenda ás persoas interesadas que acudan o antes posible ao Concello para anotarse.

Ao longo da próxima semana, do luns ao venres, terá lugar a última quenda do campamento multiactivo que se realiza nas instalacións do complexo deportivo do campo de fútbol e pavillón municipais da Laracha e que vai dirixido a rapaces de entre 8 e 12 anos de idade. Nos cinco días, entre as 10 e as 14 horas, realizaranse diferentes actividades culturais, deportivas e de ocio adaptadas ás idades dos participantes, que serán repartidos en grupos dun máximo de dez nenos para cumprir coas medidas de seguridade. A inscrición é gratuíta.

Este martes, 11 de agosto, ofértase a posibilidade de practicar paddle surf no porto de Caión a persoas maiores de 10 anos de idade e que saiban nadar. Hai dúas quenda dispoñibles de dúas horas de duración cada unha, comezando unha delas ás 10 e a outra as 12 da mañá. O custo da inscrición é de 15 euros.

O seguinte martes, 18 de agosto, poderase practicar kaiak tamén no porto de Caión. A actividade ten os mesmos requisitos, horario  e custo que a de paddle surf.

O xoves 20 realizarase unha saída ao río Almofrei, en Pontevedra, para practicar barranquismo. Pódense inscribir persoas maiores de 12 anos e as prazas están limitadas a 20 participantes. A saída desde a Praza do Concello será ás 10 da mañá e o regreso, ás 6 da tarde. O custo da inscrición é de 12 euros.

Por último, o mércores 26 de agosto realizaranse travesías en barco pola costa de Caión. Hai dispoñibles tres quendas de unha hora de duración e seis prazas en cada unha. As saídas son ás 10:30, 11:30 e 12:30 horas.